26/07/12

A MEMORIA EPISTOLAR DA EMIGRACIÓN


O renovado interese polo suxeito levou a considerar novos enfoques nos estudos migratorios. Así, fronte á anterior visión na que só primaban os continxentes emigrados, entendidos como masas despersonalizadas, as novas investigacións reforzan o papel do individuo e as súas relacións. É deste xeito como xorde o concepto de rede ou cadea migratoria, que fai fincapé nas relacións persoais para explicar os movementos de persoas. Xa que logo, seguindo os presupostos teóricos da “Escola de Manchester”, a nova historiografía das migracións concede gran importancia ás fontes de carácter persoal, dentro das cales os epistolarios ocupan un lugar sobranceiro. Nesa liña inserimos o libro que imos comentar. Trátase de Una familia y un océano de por medio. La emigración gallega a la Argentina: una historia a través de la memoria epistolar, obra da investigadora arxentina María Liliana Da Orden. O volume foi galardoado co VII Premio de Ensaio “Manuel Murguía” que convoca a Deputación Provincial da Coruña.

O emprego de coleccións de cartas na análise da emigración galega foi frecuente nos últimos anos[1]. Ora ben, fronte a exemplos anteriores, a maioría das cartas analizadas neste libro teñen orixe en Galiza. En efecto, trátase das misivas enviadas por Dolores Porto ao seu fillo Manuel Correa, emigrado desde 1952 en Mar del Plata (Arxentina). No primeiro capítulo do libro analízanse cuestións xenéricas da emigración galega á Arxentina, moi especialmente a correspondente aos anos da posguerra. Deste xeito, unha das evidencias que permite demostrar este epistolario é a existencia de cadeas migratorias entre os anos da emigración masiva e os desprazamentos dos anos cincuenta e sesenta. En efecto, a existencia de parentes que estiveran emigrados en Bos Aires a comezos do século, máis a existencia doutro familiar en Mar del Plata que o reclamou, axudan a entender a elección de destino por parte de Manuel Porto. En palabras da autora: “Más allá de la mayor información que los medios ofrecían en la época, los paisanos, y sobre todo los parientes, tenían una notable incidencia en la elección de uno u otro polo…” (p. 21). Compréndese, así, que as cartas sexan unha fonte privilexiada na investigación destas cadeas migratorias. Outra singularidade que permite apreciar este epistolario é a influencia das emigracións de mediana distancia, que precedían ao cruce do océano. Salvaterra de Miño, de onde era natural Manuel Correa, tiña unha importante presenza de emigrados en Portugal e noutras cidades galegas como Vigo ou Pontevedra.

A lectura atenta destas cartas axuda a comprender as características máis destacadas da emigración de posguerra, cuestión que a autora realiza no segundo capítulo do libro. Unha vez máis a fonte epistolar está informando de estreita relación que existía entre emigrados e lugar de orixe. Así, Manuel Correa era informado e consultado frecuentemente sobre temas da súa localidade natal, conflitos familiares e outras cuestións que minimizaban por completo a distancia. É dicir, existía unha perfecta comunicación entre a parroquia de orixe e a “parroquia de alén mar”, en feliz denominación de Xosé Manoel Núñez Seixas[2]. Estas cartas tamén axudan a repensar o papel desenvolvido polas mulleres que quedaban en Galiza, unha vez que a figura masculina partira para a emigración; neste senso, Dolores Porto tivo que asumir funcións que na época era exclusivas dos homes. Outro tema de reflexión que presenta a autora, á luz destas cartas, é o papel da escritura e da lectura no mundo rural galego. A familia Correa Porto posuía grandes habilidades á hora de escribir, e mesmo demandaba produtos de lectura, polo que, en que medida a emigración axudou a potenciar estes temas en Galicia? Cuestións chave na análise das migracións como as remesas (de diñeiro ou doutro tipo) tamén atopan un lugar nestas cartas, así como o sempre previsto retorno, máis complicado na emigración de posguerra debido ás maiores posibilidades de ascenso social e á democratización da educación, que permitía unha completa inserción dos fillos dos emigrantes.

Como sinalabamos ao comezo do segundo parágrafo, estas cartas teñen a súa orixe en Galiza, o que lles dá un enfoque diferente ás publicadas até o momento. Esta idea é o cerne do terceiro, e derradeiro, capítulo deste libro. Tal e como escribe María Liliana Da Orden: “…por haber sido escritas en el origen, las cartas del epistolario Correa Porto constituyen una suerte de ventana que permite observar el impacto de la emigración de posguerra en la vida de los que permanecieron” (p. 71). O máis destacado neste capítulo é, ao noso xuízo, comprobar como a emigración non logrou fender o papel asignado á familia polos galegos, moi en particular o encargo asignado aos fillos de coidadores dos seus pais anciáns. En efecto, o océano que arredaba Salvaterra de Mar del Plata non podía impedir a preocupación de Manuel Correa pola súa nai, a cal se deixa ver constantemente nestas cartas.

Porén, este epistolario contén aínda outros tesouros, tales como as cartas remitidas polo pai de Manuel Correa emigrado en Cuba ou fotografías que ilustran diversos aspectos da aventura migratoria desta familia. Debemos de destacar tamén que numerosas cartas atópanse reproducidas de xeito íntegro nun anexo deste libro, co que, sen dúbida, han de ser unha fonte destacada a futuras investigacións. Xa que logo, debemos de saudar a aparición desta obra polo que ten de contributo ao coñecemento da emigración galega contemporánea.


UNA FAMILIA Y UN OCÉANO DE POR MEDIO. LA EMIGRACIÓN GALLEGA A LA ARGENTINA: UNA HISTORIA A TRAVÉS DE LA MEMORIA EPISTOLAR
María Liliana Da Orden
Barcelona, Anthropos Editorial / Deputación Provincial da Coruña, 2010, 173 páxinas



[1] Podemos sinalar, sen ánimo de exhautividade, algúnhas das obras que analizan epistolarios de emigrantes galegos: SOUTELO VÁZQUEZ, Raúl: De América para a casa. Correspondencia familiar de emigrantes galegos no Brasil, Venezuela e Uruguai, 1916-1960, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2001. NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel e SOUTELO VÁZQUEZ, Raúl: As cartas do destino. Unha familia galega entre dous mundos (1919-1971), Vigo: Deputación Provincial da Coruña / Editorial Galaxia, 2004.
[2] NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manoel: “A parroquia de alén mar: algunhas notas sobre o asociacionismo local galego en Bos Aires (104-1936)”, Semata, nº 11, 1999, p. 345-379.


Reseña publicada en Murguía, Revista Galega de Historia, nº 25, xaneiro-xuño de 2012, p. 135-137.

20/07/12

FEDERICA MONTSENY EN GALIZA


Ninguén mellor para escribir a Historia que quen foi protagonista dela. O relato autobiográfico, as memorias, os diarios e os libros de viaxes son fontes de inestimábel valor para os historiadores. Baixo estas premisas debemos saudar a aparición do libro Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935, no se se recollen as crónicas elaboradas pola líder anarquista Federica Montseny (1905-1994) durante a súa estadía en Galiza no ano 1935. Estes relatos, agora reunidos no volume que comentamos, foron publicados por entregas en La Revista Blanca, medio anarquista que dirixía Joan Montseny, pai da nosa protagonista.

Non obstante, debemos sinalar que non é a primeira vez que estas crónicas ven a luz nun libro. En efecto, existe unha edición anterior a cargo do Ateneo Libertario “Ricardo Mella” da Coruña. Si estamos, porén, diante dunha primeira edición destes textos en lingua galega, motivo polo que debemos felicitar á editorial Trifolium, que vén publicando dentro da súa colección “Fume de Leña” unha serie de textos de igual valor memorialístico para a Historia de Galiza. O libro conta, ademais, cun limiar do especialista no anarquismo galego Eliseo Fernández, que nos axuda a contextualizar a presenza de Federica Montseny en Galiza.

A viaxe á que fan referencia estes relatos desenvolveuse entre o 3 e o 16 de decembro de 1935, dentro dunha campaña de propaganda promovida pola Confederación Regional Galaica da CNT. Tras visitar A Coruña, Betanzos, Ferrol, Cariño, Santiago, Carballo e Lugo, o periplo ten a súa fin en Ourense, onde Federica Montseny asiste ao plenario dos anacosindicalistas galegos. A viaxe, aínda así, quedou incompleta, pois a caída do goberno encabezado por Joaquín Chapaprieta fixo imposíbel a presenza da propagandista noutras vilas e cidades de Galiza, nomeadamente Vigo.

Nestes textos podemos observar a unha Federica Montseny impresionada pola paisaxe galega, tema recorrente nos seus desprazamentos por Galiza. Podemos comprobar tamén a súa actitude favorábel cara o galego, lingua empregada nos mitins por algún dos seus camaradas. E, por suposto, especial preocupación amosa nas súas alocucións pola situación da muller. Das súas inquedanzas pola muller traballadora en Galiza dan bo exemplo a súa visita a unha conserveira en Cariño e unha conferencia  organizada na Coruña só para mulleres.

As liortas internas dentro do anarquismo español tamén se deixaron sentir na viaxe. Como nos lembra Eliseo Fernández no prologo deste libro: “Federica aliñábase na corrente máis radical da CNT, que impulsara os movementos insurreccionais de 1933, e era moi crítica coa militancia anarcosindicalista máis moderada” (p. 13). En efecto, na maioría dos lugares visitados o bando ao que pertencía Montseny era maioritario polo que non tivo ningún problema. Ora ben, en Santiago os seus adversarios eran maioría, o que contribuíu en boa medida a deslucir os actos nos que participou. Deste xeito, na súa crónica compostelá a líder anarquista foi moi dura co sector vencellado ao Partido Sindicalista, organización que lideraba Ángel Pestaña. Igualmente, Montseny era moi crítica coas alianzas obreiras, pois pensaba que o movemento anarquista non debía facer concesións para acadar acordos con outras forzas obreiras. Neste senso, nas súas intervención en Galiza, foi especiamente dura cos socialistas e coas posicións que este partido representaba.

No anarquismo ibérico sempre existiu unha destacada preocupación pedagóxica, entendendo o ensino como un medio para acadar tamén a liberación da clase obreira. Son de destacar, neste senso, experiencias tan sobranceiras como a “Escola Moderna” vencellada ao anarquista catalán Francisco Ferrer i Guàrdia (1859-1909). Xa que logo, os esforzos dos anarcosindicalistas galegos no eido educativo non podían quedar sen mención por parte de Federica Montseny. Reproducimos, así, este fragmento do libro: “Gardo moi grata impresión de Lugo e da actividade modesta e rexa dos compañeiros. Que pracer para os meus ollos ver a escola en funcionamento, chea de rapaces e rapazas, con profesores noviños de boa vontade e abnegación, que, na loita co ambiente convencional da vella cidade, aprenden as primeiras letras aos fillos e fillas dos obreiros!” (p. 62). Impresión positiva que tamén recollería en Ferrol, louvando os traballos pedagóxicos de Francisco Iturralde.

En definitiva, estamos diante dun importante documento para a historia do anarcosindicalismo galego, un testemuño de primeira orde correspondente a unha das principais líderes anarquistas. Cómpre destacar tamén a coidada edición realizada pola Editorial Trifolium, que tivo o acerto de intercalar entre capítulo e capítulo unha serie de cartaces propagandísticos da CNT. Unha mostra máis de que o contido e continente poden ir da man.

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935
Federica Montseny
Oleiros: Editorial Trifolium, 2011, 77 páxinas

17/07/12

UNHA SOCIEDADE BAIXO SOSPEITA


A declaración de 2006 como Ano da Memoria contribuíu de xeito decisivo a incentivar a produción historiográfica sobre a Guerra Civil e a posguerra en Galiza. Sen dúbida, no comentado tamén tivo moito que ver o equipo de investigación “Nomes e voces” da Universidade de Santiago de Compostela, cuxos froitos seguen saíndo á luz. Tal podemos considerar o libro que imos comentar nas seguintes liñas: Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939), obra colectiva baixo a coordinación do profesor Emilio Grandío. O volume analiza como se foron desenvolvendo os mecanismos de vixilancia e investigación para reprimir os elementos republicanos e manter un estrito control da sociedade. Neste senso, a posición de Galiza como retagarda permitiu experimentar con métodos que máis tarde se espallaron a toda a España franquista.

O primeiro dos traballos recollidos neste libro, obra de Javier Rodríguez González, estuda os mecanismos da represión franquista, a base legal que amparou os procesos de depuración. Neste senso, cómpre lembrar que a represión exercida polo franquismo foi un proceso conscientemente organizado, en palabras deste autor: “Mentres na zona sublevada é un terror organizado, que se converterá pouco a pouco nunha forma de acción política, na republicana as deficiencias de control dos centros operativos explican en parte o carácter incontrolado…” (p. 16). O estudo repasa cales eran os principais apoios ideolóxicos e materiais das novas autoridades, sendo a Igrexa Católica e a Falange os que deron unha maior cobertura á sublevación militar, e, xa que logo, aos procesos de investigación e vixilancia sobre os partidarios da República.

Avanzando un pouco máis, o artigo de Emilio Grandío analiza o desenvolvemento duns servizos de intelixencia encamiñados á represión. Cómpre insistir no feito de que para os dirixentes da nova orde o coñecemento e investigación de cales foran os valedores da República era fundamental, xa que era condición sine qua non para o estrito control da sociedade que procuraban. No estudo de Grandío podemos ver como se avanza cara un progresivo proceso de centralización dos servizos de información, desde a conformación de órganos separados de información dos corpos de seguranza ou da Falange até a procura dunha unificación que os faga máis efectivos. Da lectura deste texto intúese unha obsesión por saber e coñecer, unha arela que vai alén da actividade pública para chegar ao íntimo e persoal. Desta obsesión é tamén mostra o feito de que nin as institucións adictas ao novo réxime –Igrexa ou Falange− escaparon da investigación: a sospeita era permanente e xeneralizada.

No terceiro traballo Manuel Pérez Lorenzo estuda o desenvolvemento na praxe dos mecanismos de vixilancia, centrándose nas organizacións encargadas de fornecer a información. Así, este investigador pasa revista á actuación de Garda Civil, Policía, Falange, Igrexa Católica e Administración como colaboradores esenciais, sen esquecer o papel de individuos a título particular. Cómpre subliñar neste traballo o papel das delegacións de Orden Público, órganos chave da represión franquista e, xa que logo, funcionarios especialmente interesados na coordinación da vixilancia e investigación. A importancia da Delegación de Orden Público para o control da retagarda e a consolidación novo réxime foi crucial, polo que o seu papel é subliñado na meirande parte dos traballos recollidos neste libro.

Os dous seguintes traballos incluídos no volume son dous estudos de caso. Rosalía Regueiro fai unha pormenorizada análise dunha listaxe de persoas vixiadas por parte da Delegación de Orden Público da Coruña. Cunha completa información estatística a autora constata a importancia que as novas autoridades daban ás achegas de informadores particulares e, unha vez máis, ao feito de que ninguén escapaba da sospeita: “Calquera cidadá ou cidadán é susceptible de ser sospeitoso, por moito que pertenza a círculos teoricamente ben relacionados co réxime, posto que había que ter un control exhaustivo da retagarda” (p. 189). No outro estudo Pilar Mera Costas analiza a represión sobre a masonaría galega desatada polas novas autoridades franquistas. As conclusións deste artigo son, sen dúbida, sorprendentes. Malia ser a masonaría obxecto principal da xenreira do franquismo –con teima persoal do propio Franco− parece que a represión sobre os masóns galegos foi menos virulenta que noutros lugares. Despois de pasar revista á persecución da masonaría en cada provincia, a autora conclúe que varias son as causas da permisividade cara a masonaría galega: desde os apoios con que contaban entre as novas autoridades até o feito de seren os masóns persoas cun poder local notábel, susceptíbel de ser empregado a favor do franquismo unha vez esquecidas as veleidades pasadas.

E finalmente a memoria: como lembran hoxe en día as vítimas e os seus familiares as medidas de vixilancia a que eran sometidos? Esta é a pregunta á que tenta responder Xurxo Pantaleón no derradeiro artigo deste libro. Dúas son as conclusións que tiramos deste texto. En primeiro lugar, nos testemuños das vítimas sobre o control social durante a Guerra Civil hai que subliñar tanto o que se conta como que se cala, xa que como indica o autor: “…porque eses baleiros na memoria son a última manifestación do éxito dalgunhas das prácticas postas en marcha dende os primeiros intres da sublevación militar” (p. 245).  Aínda así, en segundo lugar, a memoria das vítimas é un contributo decisivo para poder reconstruír a rede de vixilancia e información posta en marcha polos sublevados.

En resumo, estamos perante unha obra que pon un chanzo máis na recuperación do noso pasado máis inmediato. Labor tanto máis importante canto, como indica Emilio Grandío na introdución, o progresivo afastamento dos feitos ás veces contribúe a dar unha imaxe de normalidade e de paz social que non era tal.

Reseña publicada na revista Grial, nº 194, abril-xuño de 2012, p. 83-84

Vixiados. represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939)
Emilio Grandio Seoane (ed.)
Edicións Laiovento, 2011, 271 páxinas