Unha das
principais misións dos historiadores é pór en cuestión aquilo que o costume
reiterado converteu en realidade. Un continuo abalar de mitos que, ben por
pasividade ben por intereses creados, se foron asentando como verdades
intocábeis. Deste xeito, no noso pasado máis recente hai un mito que destaca
por riba doutros: a Transición á democracia como un proceso ideal, mesmo
susceptíbel de ser exportado a outros países. Nesta liña de análise podemos
situar o libro de Carlos F. Velasco Souto que imos comentar nas seguintes
liñas, o cal se insire nun vieiro aberto por outros historiadores como Ferrán Gallego,
Josep Fontana ou Justo Beramendi, autores dos cales Velasco Souto se confesa
debedor. O volume ten dúas partes nidiamente diferenciadas. Por un lado, unha
análise da derradeira parte do franquismo, onde o autor vai achar as chaves do
posterior proceso de avance cara á democracia. Por outro lado, a análise da
Transición propiamente dita en Galiza.
Galiza comezou
a mudar nos anos sesenta. O Plan de Estabilización, aprobado en 1959, unido a
unha etapa expansiva da economía mundial, puxeron as bases para deixar atrás os
anos da fame e da escaseza. Ora ben, en Galiza o modelo xerado deu como
resultado unha economía dependente. En efecto, o crecemento alicerzouse sobre
industrias de enclave, que rara vez remataban todos os seus ciclos produtivos
no país. Este modelo de desenvolvemento proxectouse cara ao futuro, nel
seguimos en grande parte instalados.
Á calor do
crecemento económico fóronse asentando unhas elites que axiña irían tecendo
unha rede de intereses clientelares. Asentadas en entidades creadas polo
franquismo, como as Hermandades de
Labradores, a clase dirixente que nace por estes anos habería de ter,
convenientemente adaptada ás circunstancias, un notábel protagonismo á hora de
afrontar a Transición. O benestar destes anos modificou sensibelmente a
sociedade galega, seguindo aquí as investigacións da historiadora Ana Cabana, o
autor deste libro fala dun consentimento
social cara o franquismo; isto é, unha menor represión e unhas mellores condicións
de vida levaron a que cada vez camadas máis amplas da poboación visen o réxime
franquista como algo tolerábel. Ora ben, o afirmado até aquí non exclúe, por
suposto, a existencia dunha oposición interna, que tamén se vai anovar nos anos
sesenta. Así, por estes anos a maior novidade atopámola na vinculación de
esquerda e nacionalismo, coa creación da Unión do Pobo Galego e o Partido
Socialista Galego. Non debemos esquecer tampouco o gran rol xogado polo Partido
Comunista (PCG, desde 1968) e o activo papel das Comisións Obreiras no mundo do
traballo.
As condicións
sinaladas habían de marcar en Galiza o proceso de Transición cara á democracia
que comeza tras a morte do ditador en 1975. A principal tese defendida neste
libro é a mutación política das elites do franquismo para, unha vez adobiadas cunhas
pingas de democracia, protagonizar claramente a Transición no noso país. Xa que
logo, foron as elites sociais desenvolvidas nos anos sesenta as que integraron
en Galiza os cadros da Unión de Centro Democrático e tamén, aínda que en menor
medida, de Alianza Popular. Polo que toca á oposición, a súa organización
seguiu as mesmas pautas que no conxunto do Estado. En marzo de 1975 creouse a
Xunta Democrática, aglutinada arredor do PCG, mentres que en xullo do mesmo ano
nacía Converxencia Democrática, que nacía como plataforma do PSOE. Ambas
organizacións confluirían en xullo de 1976 na Táboa Democrática, expresión
galega da Coordinación Democrática
que nacía a nivel español. O nacionalismo galego seguiu, porén, un camiño
diferente. A UPG e o PSG serían os principais animadores do Consello de Forzas
Políticas Galegas, que daría como principal froito as Bases Constitucionais,
proposta galega de creba democrática. Mentres que as organizacións incluídas na
Táboa Democrática acabarían por pactar un avance cara á democracia desde as
institucións do franquismo, negociando xa que logo coas elites reformistas do
réxime, as forzas da esquerda nacionalista teimaron nunha verdadeira ruptura co
pasado, manténdose alleas tanto ao proceso constitucional como ao posterior
camiño cara á autonomía.
As
consecuencias do pacto que levou á Transición non foron só a continuidade das
elites do franquismo final, senón a pervivencia e perpetuación duns
determinados hábitos políticos, valores e criterios de convivencia social e xeitos
de gobernar que, en gran parte, continúan aínda vixentes. Así, a ausencia dunha
sociedade civil organizada e a visión da política como algo negativo –tan só
accesíbel a determinadas elites− constitúen unha herdanza do franquismo que a
Transición, tal e como se levou a cabo, contribuíu a confirmar. Outra
consecuencia deste proceso foi a impunidade na que quedaron todos os crimes
cometidos polo franquismo. A lei de amnistía do ano 1977 puxo na rúa a moitos
presos políticos, mais tamén botou terra sobre os asasinatos e a represión da
ditadura. É aínda máis, foi nesta época cando se xeneralizou a idea da
necesidade de esquecer o pasado, sementando unha amnesia tan ominosa como
interesada. Habería que agardar até datas moi recentes para que a memoria histórica volvese xurdir vizosa.
Preséntasenos
neste volume, xa que logo, unha completa síntese da Transición á democracia en
Galiza, que tivo as súas peculiaridades, de aí que o autor se vexa na
necesidade de remontase até os anos sesenta para comezar o seu libro. Conclúe
Velasco Souto que máis que transición o que houbo en Galiza foi unha maquillaxe
das vellas elites franquistas, convenientemente adaptadas á nova situación. Ora
ben, non foi esa a única transición que non existiu. Á luz dos acontecementos
podemos sinalar que tampouco a oposición soubo facer a súa transición. E non
nos estamos a referir só ao caso do nacionalismo, que teimou nunha estratexia
que o mantivo autoexcluído do proceso autonómico, algo que había pagar moi caro
no futuro. Estamos a falar dunha cultura política que, se ben entendíbel nun
contexto de clandestinidade como foi o da ditadura, en pouco ou en nada era
equiparábel a uns tempos de democracia. Particularmente no nacionalismo non
houbo esa transición, e segue sen habela. En palabras do autor deste libro:
“Afinal de contas, a cultura ultra-dogmática e sectária era património comum de
todos” (p. 147). E isto porque quizais esquecemos que a transición, como a
caridade ben entendida, comeza por nós mesmos.
Franquismo serôdio e transiçom democrática na Galiza (1960-1981)
Carlos
F. Velasco Souto
Edicións
Laiovento, 2012, 256 páxinas
Reseña publicada na revista Grial, nº 198, abril-xuño de 2013, p. 103-104.