Os estereotipos e as ideas preconcibidas
adoitan ofrecer visións irreais das sociedades. Se ben é certo que as
sociedades patriarcais contemporáneas relegaron a muller a unha posición de
segunda orde, debemos de ser coidadosos á hora de apreciar o matiz. Debemos
desconfiar, polo tanto, das narrativas que equiparan muller con vítima. A
lexislación franquista consideraba as mulleres menores de idade mais a práctica
cotiá descóbrenos mulleres líderes e protagonistas das súas comunidades. Boa
proba do que acabamos de afirmar é o libro de Araceli Freire Cedeira, que baixo
o título de O monte é noso. As mulleres e
a conflitividade social no medio rural galego durante o franquismo (II
Premio Xohana Torres de Ensaio, 2011), estuda o papel sobranceiro desempeñado
polas mulleres no seo da sociedade rural galega tardofranquista.
A intención do Estado franquista de
apropiarse dos montes comunais galegos xerou un clima de conflitividade que se
prolongou ao longo da ditadura. Deste xeito, o modelo de crecemento económico
escollido polo franquismo para o rural, que tiña na repoboación forestal un dos
seus alicerces, causou en Galiza moitos problemas, pois axiña chocou cun modelo
de propiedade comunal que tiña unha longa tradición. A poboación rural galega
–e dentro dela moi especialmente as mulleres− viuse agredida por esta política,
polo que reaccionou contra un estado de cousas que prexudicaba o seu modelo de
vida. En efecto, a política forestal patrocinada polas autoridades non só
supuña o espolio das propiedades comunais campesiñas, senón que alteraba
totalmente o seu xeito de vida. Debemos comprender que o monte en man común era
vital para a economía do campesiñado, pois del saían importantes excedentes
agrarios que axudaban a manter as casas labregas. As mulleres, piares da
economía campesiña, sabían ben da súa importancia, de aí o seu rol protagonista
na defensa dos comunais e na oposición á política forestal do Estado. Así o
afirma a autora deste libro: ‘As campesiñas eran conscientes desta situación
porque consideraban que as estaban privando das súas propiedades e do único
recurso que lles permitía a supervivencia, pois a economía campesiña dependía,
en grande medida, do aproveitamento integral dos montes veciñais de uso común’
(32). Non se nos escapa, polo tanto, que estaban en loita dous modelos
económicos enfrontados. Por unha banda, o do campesiñado, dedicado a manter
formas de produción tradicionais –basicamente encamiñadas ao autoabastecemento−,
e, por outra banda, o do Estado, que teimaba en introducir as relacións de
produción capitalistas no agro, consonte os novos modelos proporcionados pola
Revolución Verde, que desde a década de 1940 incrementara a produción agrícola
grazas ao emprego de novas variedades de cultivos e ao uso masivo de
fertilizantes.
Cales son as principais razóns que
levaron ás mulleres a ser a punta de lanza do movemento oposto a apropiación
dos comunais por parte do Estado? Freire Cedeira sinala varias. En primeiro
lugar, a lembranza doutros conflitos sucedidos no campo con anterioridade. Para
a autora as mulleres eran as encargadas de gardar a memoria familiar. Así ‘a
comunidade, a cal foi capaz de manter e canalizar as disidencias con éxito
durante un prolongado período temporal, grazas ao papel cohesionador das
mulleres, porque eran elas as que conservaban a memoria do lugar e consolidaban
relacións entre si no seo dunha sociedade na que a división sexual do traballo
estaba presente’ (95). A cita anterior ofrécenos unha pista sobre unha segunda
razón do papel protagonista das mulleres nestes conflitos. Nas comunidades
rurais galegas dos anos cincuenta e sesenta do século XX as tarefas agrícolas
esixían unha importante presenza do traballo colectivo, que fortalecía o papel
da comunidade fronte ao do individuo. Nesta dinámica as mulleres ocupaban un
posto sobranceiro, pois tarefas como lavar e apacentar o gando estábanlles
atribuídas. Xa que logo, é lóxico que o campesiñado respondese conxuntamente
fronte a unha agresión exterior, e tamén o é que fosen as mulleres –eixos dese
traballo colectivo− as que se puxesen á cabeza do movemento opositor.
Unha terceira causa que explicaría o rol
sobranceiro das mulleres nos conflitos polos montes comunais é a súa
tradicional participación na economía marxinal, sobre todo no contrabando e no
estraperlo. As mulleres, como columnas vertebrais das economías campesiñas,
tiveron unha importante participación no movemento de produtos no mercado
negro, participación que rematou por xerar unha serie de solidariedades que se
prolongarían de cara a outros conflitos, caso do ocorrido cos montes comunais.
Por outra parte, a participación das mulleres no contrabando acostumounas a
tratar coas forzas de seguridade do Estado –a Garda Civil, nomeadamente−,
cuestión que tamén se notaría cando chegaron os enfrontamentos con motivo da
repoboación forestal. Finalmente, podemos supor que as vellas solidariedades
tecidas polas mulleres ao longo de anos de participación nesta economía
paralela xeraron unha rede de información, de parroquia a parroquia, que sería de
grande utilidade para se enfrontar aos axentes forestais que pretendían usurpar
os seus montes comunais. Unha cuarta razón do peso das mulleres nestes
conflitos estaría na tradicional emigración masculina, que as obrigaría a
asumir o papel de líderes e valedoras das súas comunidades.
Segundo nos describe Freire Cedeira, os
conflitos polos montes comunais galegos tiveron dous momentos principais. Nun
primeiro momento, o descontento manifestouse mediante cartas ás autoridades nas
que se protestaba polo que se consideraba un abuso. Obviamente, estas misivas
foron ignoradas polas autoridades franquistas, o que deu paso a formas máis
contundentes de oposición, nas que as mulleres sempre estiveron en vangarda: a
destrución de plantacións, o roubo ou manipulación de maquinaria e o enfrontamento
directo coas forzas da orde, entre outras estratexias violentas. Malia todas
estas iniciativas, as mulleres non acadaron paralizar de xeito inmediato os
traballos de repoboación forestal nos montes comunais. Non só iso, moitas delas
víronse na obriga de converterse en asalariadas nestas mesmas tarefas de
repoboación onde, a pesar de desempeñar traballos igual de duros cós homes,
recibían uns emolumentos menores. Ora ben, seguindo á autora do libro, queremos
afirmar que, no longo prazo, os seus traballos e esforzos víronse
recompensados. A Lei de Montes de 1957 e a Lei de Montes en Man Común de 1968
recoñeceron o dereito das comunidades campesiñas a participar nos beneficios, o
que non deixaba de ser unha vitoria daquelas mulleres que se puxeron á fronte
das súas parroquias para defender as súas pertenzas e o seu modo de vida.
Situado pola propia autora dentro dos
parámetros da historia contributiva, este libro amosa ás claras unha sociedade
rural galega –xa pasada− na que as mulleres eran donas de si mesmas e loitaban
polo que sabían seu. Era unha sociedade rural na que o valor da comunidade
estaba por riba do individuo, xa que a propia dinámica do traballo así o
esixía. Nese día a día, conflito a conflito, as mulleres convertéronse en
valedoras dun xeito de vida que pouco a pouco foi ficando arrombado. Moito foi
o que se perdeu, se cadra algo tamén o que se gañou. Pero, máis alá das
valoracións que cada quen poida facer, velaí están todas esas mulleres que
foron exemplo de dignidade. Anos despois, en 1978, o cineasta Llorenç Soler
filmou o documental O monte é noso,
que viña pór imaxes a varias décadas de conflitos nos montes veciñais galegos
en man común. Aquel documental, como agora este libro, son contributos
necesarios para manter viva unha memoria imprescindíbel.
ARACELI FREIRE
CEDEIRA: O monte é noso. As mulleres e a conflitividade
social no medio rural galego durante o franquismo. Concello de
Santiago de Compostela & Universidade de Santiago de Compostela. 2012. 109
pp. ISBN 978-84-9887-842-4
Reseña publicada na revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies (Issue E), 2013, p. 121-123.