05/05/17

OS DEPUTADOS LUCENSES NAS CORTES DE CÁDIZ: LIBERAIS E ABSOLUTISTAS

Recreación das Cortes de Cádiz
Galiza estivo representada nas Cortes de Cádiz (lexislatura 1810-1813) por vinte e cinco deputados. A distribución destes parlamentarios realizouse entre as antigas provincias, correspondéndolle catro á provincia de Lugo. Por outra parte, a provincia de Mondoñedo, que no futuro desaparecería, tiña dous deputados nas Cortes.

No seo das Cortes de Cádiz convivían dúas grandes tendencias. Por unha parte, os liberais eran os partidarios das reformas e da modernización política, foron os que máis traballaron a prol da nova Constitución. Por outra parte, tamén había deputados conservadores, proclives a manter o poder das vellas institucións, eran os absolutistas. Na representación lucense veremos ambas tendencias, porque non era liberal todo o que relucía.

Sen dúbida, o deputado máis liberal que Lugo enviou ás Cortes foi José Ramón Becerra y Llamas (1775-1870), natural de Navia de Suarna e veciño de Lugo, onde en 1808 era rexedor perpetuo do seu concello. Nas Cortes foi membro das comisións de agricultura, premios e correos. Becerra non destacaría nesta primeira representación parlamentar, mais si na época do Trienio Liberal (1820-1823) e sobre todo tras o falecemento de Fernando VII (1833), situándose sempre na esquerda do liberalismo. A súa sinatura aparece no documento orixinal da Constitución de Cádiz. Na mesma tendencia política podemos situar a Domingo García Quintana, natural de Lugo pero asentado como comerciante en Cádiz, o que puido favorecer a súa elección. Podemos dicir que foi o deputado lucense máis activo, tanto nas propostas presentadas como na crítica das actitudes absolutistas. En 1811 publicou o folleto Manifiesto que hace a la nación española en general y al Reyno de Galicia en particular su diputado en Cortes por la provincia de Lugo, Don Domingo García Quintana, onde denunciaba a escasa fe liberal de varias autoridades, tanto civís como militares. A publicación deste documento levaría á súa expulsión das Cortes. No campo liberal podemos situar tamén a outro deputado lucense, Manuel Valcárcel Saavedra, avogado da Real Audiencia, que se significou o 14 de outubro de 1810 votando a favor da lei que estabelecía a liberdade de prensa, outra das grandes medidas aprobadas polas Cortes de Cádiz.

A liberdade de imprenta era un dos símbolos dos novos tempos, mais non todos os deputados lucenses optaron por apoiala. Así, Antonio Vázquez de Parga votou en contra desta importante medida, e aínda que foi un deputado moi traballador, participando en varias comisións, a súa tendencia era claramente proclive ao absolutismo. Non obstante, esa ideoloxía non foi continuada polo seu fillo, Manuel Vázquez de Parga, conde de Pallares, quen tamén foi un destacado político lucense do século XIX.

Se na representación lucense en Cortes podemos atopar liberais e absolutistas, polo que toca a Mondoñedo podemos afirmar que os seus deputados inclináronse máis ben pola tendencia partidaria do absolutismo. Nesta liña podemos situar ao sacerdote de Viveiro Antonio Abadín Guerra, quen xurou o seu cargo como deputado o 24 de setembro de 1810. Como proba do seu talante absolutista opúxose á lei de liberdade de prensa, máis alá diso pouca actuación tivo nas Cortes, pois faleceu en 1813.

Por Mondoñedo foi tamén deputado Manuel Freire Castrillón, natural de Santiago de Compostela, aínda que os seus pais eran oriúndos da antiga provincia mindoniense. Este persoeiro foi un dos absolutistas que máis se distinguiu na persecución das ideas liberais partidarias da Constitución de 1812. Para denunciar o liberalismo Freire Castrillón fundou periódicos como La Estafeta de Santiago. Entre as súas obras máis famosas podemos destacar Remedio y preservativo contra el mal francés de que adolece la nación española (publicado en Cádiz en 1811), onde amosaba a súa carraxe contra todo o que procedía da Francia ilustrada e revolucionaria. Neste folleto Freire Castrillón teimaba en denunciar a perniciosa influencia francesa, para el causa de todos os males que daquela vivía España:

«El luxo, voluptuosidad é insconstancia de esta nacion novelera produxo el tenebroso siglo de la pseudosofia que hemos llamado ilustrado, y ¡ai de mi! Voltaire, Diderot, Dalambert, Rouseau, y los demas apóstoles del demonio hallaron prosélitos en España...»

Porén, toda a actividade desenvolvida para denunciar as ideas liberais non tivo a mesma expresión no seu labor como deputado, cuxa actuación foi máis ben escasa. Non entanto, Freire Castrillón quedaría para a historia como un dos principais ideólogos galegos do absolutismo.

Ningún comentario: