Máis alá das
grandes ideas e dos proxectos políticos as relacións persoais e afectivas xogan
un papel sobranceiro no devir dos pobos, aínda que, na maioría das veces, non
sexan tidas en conta. No percurso vital de Ramón Suárez Picallo (1894-1964) a
súa relación de amizade con Eduardo Blanco Amor (1897-1979) foi determinante,
cando menos, para a súa chegada ao galeguismo. E que mellor mostra dese
especial vínculo que as cartas que o de Sada enviou ao de Ourense, misivas que
veñen de se publicar, baixo o título Querido
Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor, na nova editora Chan da Pólvora.
En efecto, neste coidado volume reprodúcense as vinte e cinco cartas que se
conservan no arquivo Blanco Amor da biblioteca da Deputación de Ourense, cunhas
fronteiras temporais entre 1931 e 1946. A introdución e as notas son
responsabilidade de Antón Lopo. Estas cartas publícanse por primeira vez
conxuntamente nun libro, se ben en xullo de 1993 xa viran a luz no suplemento
«Revista das Letras», do xornal O Correo
Galego.
Sexa porque se
trata de documentos persoais, sexa pola decisión do editor destas cartas, o
certo é que neste libro abórdase con valentía e sen prexuízos a homosexualidade
de ambos protagonistas. Este é un tema que, a pesar de ser coñecido, na maioría
da bibliografía omítese deliberadamente, sobre todo no caso de Ramón Suárez
Picallo. En efecto, nese senso Lopo teno claro: “A homosexualidade reforzaba a
súa unión fronte a unha contorna agresiva e «facíaos máis íntimos»...” (p. 19).
Para o caso que nos ocupa non é este un tema sen importancia, pois, como máis
arriba comentabamos, foi Blanco Amor quen turrou de Suárez Picallo para o
galeguismo. Os comezos políticos do emigrante sadense estiveron situados na
esquerda comunista e no sindicalismo[1]. E
iso foi así mestres Eduardo Blanco Amor non lle descobre Galiza a Ramón Suárez Picallo.
Canto á
distribución das cartas, catorce misivas corresponden ao tempo da República e
da Guerra Civil, mentres que as once restantes sitúanse na etapa do exilio. A
primeira parte da correspondencia achéganos ao labor de Suárez Picallo como
deputado, amosando o seu compromiso cos sectores produtivos de Galiza. Teima
tamén en ver recoñecidos os dereitos dos emigrantes, para o cal solicita a
axuda de Blanco Amor, pedíndolle que mande ao Congreso dos Deputados o xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades
Gallegas (FSG) e que dirixía o de Ourense en Bos Aires. Nunha carta do 15 de
xaneiro de 1932 pode lerse: “Galicia
sale muy bien. Tus editoriales magníficos y algunos proféticos. Cuánto te
alegraría ver el día que llega Galicia,
con su título grandote, abierta sobre más de cuarenta escaños y pasar de mano
en mano” (p. 38). Proféticas tamén eran as palabras de Suárez Picallo tras o
asasinato de José Calvo Sotelo, cando afirmaba que a guerra civil xa estaba na
rúa (carta de 12-06-1936). Neste senso, para o deputado galeguista a consecución
da autonomía era clave para que Galiza puidera salvarse por si soa. En efecto,
a loita polo Estatuto galego estivo entre as súas principais preocupacións, tal
e como pode apreciarse a través destas cartas. Esta correspondencia tamén nos
achega ao importante labor de Suárez Picallo ao longo da Guerra Civil, ben
organizando milicias galegas, ben na intensa propaganda. Así é todo, e
agoirando o final da contenda, nunha carta de 25 de decembro de 1936 clama pola
unidade da emigración, onde sitúa o futuro de Galiza: “Por encima de todo, se
impone la unión más estrecha entre todos los sectores antifascistas de nuestros
emigrados, prescindiendo de cuanto pueda ser motivo de discordía. Sobre esta
base Galicia se salvará. La salvarán sus hijos, emigrados. Esa enorme reserva
física y espiritual que Galicia posee, como ningún otro país, fuera de sus
fronteras, es hoy la única gran esperanza” (p. 58).
A maioría das
cartas do exilio teñen como orixe Santiago de Chile, aínda que as dúas primeiras
proceden da República Dominicana, a onde Suárez Picallo chegou tras un breve
paso por Nova York. As dificultades económicas, o desarraigo e a dor pola perda
dos seus familiares (especialmente o seu irmán Antón) son as características
que máis nos impresionan neste conxunto de cartas. Xunto a estas
peculiaridades, nestes textos apreciamos o seu visceral anticomunismo, teima
que lle quedara desde que nos días da Guerra Civil tivera que defender como
avogado a dirixentes anarquistas encarcerados polos comunistas. Esta fixación contra
os comunistas españois afectará tamén á súa relación con outros líderes
galeguistas, caso de Castelao, a quen lle afea a súa subordinación ao PCE. Así,
nunha carta de 1942 podemos ler: “Castelao, desde que foi a Rusia, entregouse
por enteiro. Aplebeyárono. En New York anduvo tolo pra que eu o axudase a
servir o P.C. Eu botei vinte blasfemias seguidas e díxenlle que estaba
irremisiblemente perdido se non reaccionaba. Non reaccionou e está feito unha
piltrafa política”[2],
(p. 75). Porén, co paso dos anos estas diverxencias políticas vanse atenuando,
dando paso a posicións máis conciliatorias, entre outras cousas motivadas polo
cansazo e a enfermidade.
Por riba de
desavinzas e discusións, a relación entre Suárez Picallo e Blanco Amor
mantívose ao longo dos anos e déixase sentir na escrita da súa correspondencia,
desde o comezo até o final. Como escribía o galeguista de Sada nunha carta de 6
de setembro de 1931: “Nuestra amistad, clara y luminosa, está más allá de los
triunfos y de las derrotas, más allá de nuestros defectos y de nuestras
virtudes, más allá del bien y del mal. Más allá de todo” (p. 28). E esta, se
cadra, é a principal característica desta colección epistolar: a historia dunha
duradeira amizade acompañada dun decidido compromiso galeguista.
[1] Para a actividade política do
primeiro Suárez Picallo resulta moi interesante a publicación SUÁREZ PICALLO,
Ramón: Años de formación política:
selección de textos, 1916-1931, Bos Aires: Editorial Alborada, 2008
(introdución, selección e notas de Hernán M. Díaz). Recolle esta obra unha
escolma de artigos que viron a luz en publicacións da esquerda arxentina e en
revistas da colectividade galega en Bos Aires.
[2] As desavinzas con Castelao
datan de, polo menos, a estadía de ambos en Nova York. O de Rianxo tampouco
ficaba atrás e nunha carta a Sebastián González, datada o 5 de setembro de
1939, podemos ler: “…os vividores da guerra a quen Picallo se entregou por
catro codias de pan e catro agarimos e louvanzas á súa sabiduría de abogado. E
non foi porque a Picallo non lle dixera o que tiña que dicirlle, pero foi
inútil. Non me escoitou e sigueu decindo que eu estaba entregado aos comunistas
e deulle azos a uns imbéciles que chegaron a decir que estou a soldo da Unión
Soviética. ¡Imaxínate a que extremos conduce a pederastía!”. Nótense tamén as
desafortunadas alusións de Castelao á homosexualidade de Suárez Picallo. Poden
seguirse estas discusións no libro de ALONSO MONTERO, Xesús: Castelao na Unión Soviética en 1938,
Vigo: Xerais, 2012, p. 166-173.
Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a
Blanco Amor
Antón Lopo (Introdución e notas)
Chan da Pólvora, Santiago de Compostela,
2016, 88 páxinas
Recensión publicada na revista Murguía, Revista Galega de Historia, nº 34, xullo-decembro de 2016, p. 151-153. (ver)
Ningún comentario:
Publicar un comentario