27/12/17

VERBO DO CENTENARIO DAS IRMANDADES DA FALA: UNHA VIZOSA PRODUCIÓN BIBLIOGRÁFICA

A conmemoración do centenario das Irmandades da Fala en 2016 xerou un número importante de publicacións; non podía ser doutro xeito, dada a importancia que este movemento tivo para a historia contemporánea de Galiza. As liñas que seguen teñen por obxectivo comentar as principais características deses volumes, un comentario que é necesariamente provisorio, dado que en 2017 continuarán a saír obras dedicadas ao coñecemento das Irmandades da Fala.

Pola súa extensión, pola súa análise polo miúdo do mundo das Irmandades e por ser obra dun só autor debemos comezar o noso percorrido por A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), obra de Emilio Xosé Insua, sen dúbida un dos autores que máis páxinas publicou en 2016 verbo do centenario das Irmandades da Fala. O libro de Insua, esforzo editorial de Baía Edicións, ofrécenos un detallado e documentado achegamento ao mundo das Irmandades da Fala en todos os seus aspectos, xa sexa o puramente lingüístico e literario, xa sexa a evolución política do primeiro nacionalismo galego. O autor é un recoñecido experto na figura de Antón Villar Ponte, feito que se deixa sentir na obra, pois o xornalista de Viveiro actúa como un fío condutor que lle axuda a Insua a explicarnos a evolución das Irmandades. O carácter enciclopédico deste libro fainos aventurar que está destinado a perdurar, converténdose nunha verdadeira obra de referencia a respecto das Irmandades da Fala.

Se en algo destaca a investigación verbo das Irmandades da Fala é polo seu carácter poliédrico, é dicir, na variedade de disciplinas que admite a súa investigación. Se ben é verdade que as Irmandades comezaron como un movemento de reivindicación lingüística e literaria, axiña se pasaron ás demandas económicas, culturais e, por suposto, políticas.  A variedade de temas a tratar favorece, xaora, a edición de volumes colectivos onde gran número de autores e autoras se achegan ao mundo das Irmandades desde diversos aspectos. Eis a principal característica do volume Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), proposta bibliográfica de Edicións Xerais de Galicia para conmemorar o centenario das Irmandes da Fala. O libro, coordinado por Luís Cochón, estrutúrase en tres grandes bloques temáticos. O primeiro deles está dedicado á análise do pensamento dos principais líderes irmandiños. Entre os traballos incluídos nesta primeira sección destaca a análise da evolución ideolóxica de Vicente Risco, baixo a responsabilidade do profesor Justo Beramendi, recoñecido especialista na obra do nacionalista ourensán; un achegamento á vida e á obra de Lois Peña Novo, por Xosé González Martínez; o estudo das achegas dos irmáns Villar Ponte realizada por Xurxo Martínez González, entre outros estudos. O segundo bloque temático está dedicado á política no tempo das Irmandades, neste segundo apartado Justo Beramendi repite cun traballo dedicado á figura do malogrado Lois Porteiro Garea e á Irmandade da Fala de Compostela; Arturo Casas dedica o seu estudo á análise das vivencias de Vítor Casas; pola súa parte Clodio González Pérez e Luís Alonso Girgado publican dous traballos sobre a prensa nacionalista en Galiza e na emigración no tempo das Irmandades, entre outros estudos. Finalmente, o derradeiro bloque está dedicado á análise da produción literaria dos principais líderes da Irmandades. Aquí podemos atopar traballos como o de Emilio Xosé Insua, quen se encarga da produción literaria do que os mesmos irmandiños denominaron «o poeta da raza», é dicir, Ramón Cabanillas, autor moi presente neste bloque, pois Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina e Darío Xohán Cabana tamén dedican os seus traballos ao poeta de Cambados. Miro Villar, que se achega a Gonzalo López Abente, ou Armando Requeixo, que estuda a figura de Victoriano Taibo, son outros artigos presentes nesta sección.

A Universidade da Coruña publicou co gallo do centenario das Irmandades o volume colectivo As Irmandades da Fala, cen anos despois, editado pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulán, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria (ILLA). Nesta obra os traballos sucédense sen unha división en bloques temáticos e nela podemos atopar algúns dos autores que tamén estaban presentes no libro de Xerais. Así, o libro componse de dezaoito traballos que van desde a reflexión de conxunto até a análise polo miúdo de aspectos específicos. Uns e outros amósannos a visión totalizadora que as Irmandades propuxeron en relación co labor de construción nacional de Galiza. En efecto, o volume ábrese co traballo “As Irmandades: unha ruptura política e cultural”, no cal Justo Beramendi contexturaliza o programa e a proposta política das Irmandades para a Galiza e a España do momento. Tamén atopamos de novo a Emilio Xosé Insua co artigo “Galiza, República, Lingua, Esquerda. Esteos ideolóxicos e perfís cívico-culturais do labor prometeico de Antón Villar Ponte (1881-1936)”, achegamento á evolución ideolóxica deste líder irmandiño do cal, como xa dixemos, Insua é un recoñecido especialista. O profesor Uxío-Breogán Diéguez encárgase no seu estudo, “As Irmandades da Fala, a historia e a construción do contemporáneo imaxinario (nacional) galego. Unha breve aproximación”, de explicarnos o novo discurso nacional xerado polas Irmandades da Fala para Galiza, discurso no cal foi crucial a creación dun imaxinario nacionalista propio, cunhas datas precisas a lembrar (o Día de Galiza sería o exemplo máis significativo). Como non podía ser doutro xeito ao ser un volume promovido polo Grupo ILLA, os aspectos lingüísticos e literarios destacan especialmente no volume. Polo que respecta á lingua mencionamos os traballos de Xosé Ramón Freixeiro Mato (a lingua na época das Irmandades), Xoán López-Viñas (a lingua medieval e as Irmandades) ou X.A. Fraga Vázquez e Ánxela Bugallo (a incorporación do galego á cultura científica). Canto aos estudos literarios podemos destacar o de Laura Tato Fontaíña (as polémicas arredor do teatro) ou o de Olivia Rodríguez González (análise da obra de Risco O porco de pé). Finalmente, outros aspectos particulares que achamos nesta obra son a relación das Irmandades coa masonaría, nun traballo que asina Carlos Biscainho-Fernandes; as relacións culturais con Portugal, artigo do que se responsabilizou Luis Martínez-Risco Daviña; o estudo dos coros e orfeóns que realiza Ramón Rodríguez Palleiro “Moncho do Orzán”; a pintura galega no tempo das Irmandades (Carlos L. Bernárdez) ou o traballo artístico de Camilo Díaz Baliño (Miguel Anxo Seixas Seoane).

Como nos dous casos anteriores, a proposta de Edicións Laiovento co gallo do centenario das Irmandades foi un volume coral, desta volta coordinado por Uxío-Breogán Diéguez baixo o título de As Irmandades da Fala 1916-1931. Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX. O libro encétase con dous traballos que analizan dous movementos sociais chave da Galiza do momento e a súa relación coas Irmandades. Así, Carlos Velasco Souto encárgase do agrarismo e Dionisio Pereira do movemento obreiro. A contextualización xeral das Irmandades correspóndelle a Uxío Breogán Diéguez e a Justo Beramendi en senllos artigos. Pilar García Negro dedica o seu estudo a analizar os casos de valedores da lingua galega que precederon ás Irmandades, con especial atención á obra de Manuel García Blanco e Ramón Villar Ponte. Os estudos de caso tamén están presentes neste volume. En efecto, a intención de Xoán Carlos Garrido Couceiro no seu traballo é sinalar os límites dos movementos sectoriais e sindicais desenvolvidos a escala local, e para facelo acode á figura de Xacinto Crespo, líder do Directorio de Teis. Pola contra, quere subliñar Garrido Couceiro a necesidade de transcender o ámbito sectorial e local, parar asumir unhas reivindicacións nacionais, neste segundo caso o exemplo escollido é o de Antón Lousada Díeguez, un dos principais líderes das Irmandades da Fala. Pola súa parte, o estudo de Xesús Torres Regueiro analiza a evolución e os traballos da Irmandade da Fala de Betanzos. Seguindo cos estudos de caso, Aurora Marco dedica a súa achega a estudar a presenza feminina nas Irmandades, con especial dedicación ao caso de Amparo López Jean. Ao igual que acontecía no libro xa comentado da Universidade da Coruña, Moncho do Orzán presenta un traballo destinado a sinalar a importancia dos coros galegos, nesta ocasión centrando a súa análise no caso da agrupación “Cántigas da Terra” da Coruña. Henrique Rabuñal pon o ramo ao volume cun estudo dedicado a glosar as principais achegas dos irmandiños ao teatro galego, pois para os líderes das Irmandades o teatro era un medio privilexiado para prestixiar a lingua e espallar as súas reivindicacións.

A Real Academia Galega centrou a súa proposta bibliográfica nos principais logros literarios da Irmandades. Debemos sinalar, xa que logo, o volume editado por Henrique Monteagudo co título Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía. Neste volume recóllense os textos que integraron o ideario fundamental das Irmandades. Entre outros documentos podemos atopar a conferencia que Castelao pronunciou na Coruña en 1920, arredor da exposición do Álbum Nós. No volume aparece tamén a conferencia impartida, tamén en 1920, por Antón Villar Ponte en Compostela baixo o título “Os nosos valores”. Outro libro editado pola Real Academia Galega estivo ao coidado de Xosé Ramón Pena. Trátase de Tempo das Irmandades. Antoloxía de poesía. Neste volume inclúense composicións dos principais poetas vencellados ás Irmandades, desde Ramón Cabanillas até Victoriano Taibo. Pero tamén hai espazo para poetas que se enfrontaron aos postulados, lingüísticos e políticos, das Irmandades, caso de Antonio Noriega Varela. Cómpre indicar que hai espazo neste volume para os poemas galegos de Federico García Lorca. Finamente, o estudo editado por Laura Tato Fontaíña O teatro nas Irmandades da Fala. Para Laura Tato o teatro promovido por institucións como o Conservatorio Nacional da Arte Galega rachou coa tradición rexionalista e puxo a primeira pedra dun teatro culto, un proceso non exento de tensións internas. Esta escolma xunta catro pezas teatrais, dúas delas até o momento inéditas. Abre o volume a peza Donosiña, de Xaime Quintanilla, estreada no teatro Jofre de Ferrol o 7 de abril de 1921, apostaba inequivocamente pola igualdade de dereitos para as mullres. Segue a peza Entre dous abismos, de Antón Villar Ponte. Inclúese tamén María Rosa. Comedia en dous pasos, a única obra que Gonzalo López Abente publicou como dramaturgo. Finalmente atopamos Un caso compricado, de Leandro Carré Alvarellos, valedor dun teatro de fasquía máis conservadora. Xa en 2017 a Real Academia Galega completou esta serie de antoloxías dedicadas ás Irmandades da Fala cun volume no que se recollen as principais achegas no eido da narrativa da época, a obra foi editada por Ramón Nicolás.

Capítulo aparte merecen os congresos e encontros dedicados ás Irmandades da Fala e que se celebraron en 2016. Neste senso, podemos subliñar o simposio organizado polo Museo do Pobo Galego baixo o rótulo de “Repensando Galiza: as Irmandades da Fala (1916-1931)”, que tivo lugar entre os días 17 e 19 de novembro de 2016. Ademais de polo Museo do Pobo Galego este simposio estivo organizado polo Grupo ILLA e por Murguía, Revista Galega de Historia. As actas deste simposio verán a luz en 2017, constituíndo unha nova achega bibliográfica para a conmemoración do centenario das Irmandades da Fala. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega organizou o congreso internacional “O contexto internacional das Irmandades da Fala. As nacionalidades na Europa de entreguerras: de Imperios a nacións”, desenvolvido os días 6 e 7 de outubro de 2016. Podemos destacar tamén as xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela, 1916-2016”, organizadas pola Agrupación Cultural O Galo entre os meses de outubro e novembro de 2016. Iso sen contarmos as numerosas conferencias e palestras organizadas ao longo do país. Non podiamos rematar sen lembrar a exposición Saúde e Terra Irmá(n)s! que promovida pola Deputación da Coruña, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega percorreu as principais cidades do país.

Artigo publicado na revista Murguía, Revista Galega de Historia, núms. 35-36, xaneiro-decembro de 2017, p. 169-174. (ver)

18/12/17

O LEVANTAMENTO DE 1846 E O NACEMENTO DO GALEGUISMO

Hai libros destinados a perdurar. Mesmo no ámbito da Historia, onde a sucesión de novas investigacións remata pondo en cuestión os vellos estudos, hai obras que manteñen a súa vixencia ao longo dos anos. Por poñer uns exemplos: O queixo e os vermes, do italiano Carlo Ginzburg, libro publicado en 1976 e que remataría por se converter nun dos fitos da microhistoria. A formación da clase obreira en Inglaterra, de E.P. Thompson, obra clásica da historiografía marxista que viu a luz en 1963. Pois ben, en Galiza non estamos faltos deste tipo de obras, que marcaron un antes e un despois. As seguintes liñas van dedicadas a unha delas: El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo, de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936), cuxo colofón indica que se rematou de imprentar o 18 de abril de 1977, na desaparecida editora compostelá Pico Sacro. A obra celebra, pois, o seu corenta cabodano. Co gallo deste aniversario lembramos, e asemade homenaxeamos, un libro cuxas páxinas seguen en gran parte aínda vixentes.

A ninguén se lle escapa que o levantamento militar que estoupou en Lugo o 2 de abril de 1846 foi algo máis que un simple pronunciamento, un dos moitos que houbo ao longo do século XIX en España. O sistema político da Constitución de 1845 institucionalizou o exercicio do poder en exclusiva por parte do partido Moderado. Xa que logo, imposibilitados de acceder ao poder por medios legais, os progresistas, apoiados nos seus líderes militares, lanzáronse a unha campaña de sublevacións para derrocar aos moderados no poder. Así pois, algo disto hai no levantamento galego de 1846, pero a súa análise polo miúdo amósanos unha maior complexidade. Tal foi o que realizou no seu día o profesor Barreiro Fernández, quen se preguntou ao comezo do seu libro se foi un simple pronunciamento, un levantamento ou, como o denominaron moitos dos seus contemporáneos, unha revolución.

Se ben é certo que nas reivindicacións dos pronunciados están as clásicas demandas progresistas: aperturismo político, concellos populares, Milicia Nacional... Tamén é verdade que neste movemento podemos atopar, por vez primeira, unha nidia reivindicación de Galiza. E quen realizou esa reivindicación? Obviamente a xeración provincialista que desde comezos da década de 1840 se viña xestando na Compostela do momento. Tratábase de mozos universitarios que, arredor da Academia Literaria, procederon a descubrir Galiza como unha entidade de seu, cuns dereitos inalienábeis que tiñan que ser defendidos. Esa descuberta e defensa de Galiza fíxose en xornais como El Centinela de Galicia, El Iris de Galicia, El Idólatra de Galicia, La Aurora de Galicia... Semellaba que aqueles mozos, nos que destacaba a figura de Antolín Faraldo, acabasen de descubrir Galiza como unha entidade política que defender.

Como era típico do liberalismo español, a dirección política deste levantamento correspondeu ás Xuntas, primeiro nas localidades e máis tarde, o 15 de abril de 1846, formaríase unha Xunta Central Galega, da que Antolín Faraldo sería o seu secretario, clara mostra de que os mozos provincialistas estaban na primeira liña do levantamento. Á pluma de Faraldo debemos o manifesto publicado pola Xunta Central no seu xornal La Revolución. Este texto ten dúas partes claramente diferenciadas, que corresponden ás dúas almas do levantamento das que xa falamos. Por un lado, na primeira parte do manifesto atopamos o catálogo de reivindicacións do partido Progresista. Por outra lado, a segunda parte é a máis novidosa pois nela atopamos unha clara reivindicación de Galiza no seu conxunto. Tal é así que podemos considerar este texto como un dos documentos fundadores do galeguismo. No libro do profesor Barreiro Fernández reprodúcese non só este manifesto, senón tamén os que promulgaron as distintas Xuntas locais espalladas polo país. Paga a pena reproducir algunhas liñas da proclama da Xunta Central galega, pois amosan ben ás claras a fasquía provincialista do movemento:

“El pueblo conquistará en esta revolución lo que le han arrebatado los cómicos de los pronunciamientos: pan y derechos. Galicia, arrastrando hasta aqui una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la corte, va á levantarse de su humillación y abatimiento. Esta Junta, amiga sincera del país, se consagrará constantemente á engrandecer el antiguo reino de Galicia, dando provechosa direccion á los numerosos elementos que atesora en su seno, levantando los cimientos de un porvenir de gloria. Para conseguirlo se esforzará constantemente en fomentar intereses materiales, crear  costumbres públicas, abrir las fuentes naturales de su riqueza, la agricultura y el comercio, y poner en armonía con la época los hábitos y las ideas que dejó una sociedad decrépita fundada sobre la ignorancia. Despertando el poderoso sentimiento del provincialismo, y encaminando á un solo fin todos los talentos y todos los esfuerzos, llegará a conquistar Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto lugar á que está llamado el antiguo reino de los Suevos”.

Atopámonos diante dun programa claramente rexenerador para Galiza, cunha clara apelación ao pasado histórico glorioso, base para fundamentar un presente de traballo e un futuro de gloria. Nesa apelación á Historia, como base un programa político rexenerador, Antolin Faraldo e os seus compañeiros provincialistas adiantáronse ao traballo historiográfico que anos máis tarde desenvolverá con brillantez Manuel Murguía. Non obstante, as esperanzas descritas nesta proclama axiña se ían ver truncadas, pois as tropas sublevadas comandadas por Miguel Solís foron derrotadas polas unidades enviadas polo goberno central. Cercados no mosteiro de San Martiño Pinario en Compostela, a Solís e aos seus camaradas non lles quedou outro remedio que a rendición. No seu traslado á Coruña para seren sometidos a xuízo, estes militares foron axustizados na localidade de Carral.

Enganariámonos, non obstante, se pensamos que o levantamento galego de 1846 non deixou un importante pouso de cara ao futuro. En efecto, como sinalabamos nas liñas anteriores, a xeración provincialista ao ser a primeira en levantar a bandeira de Galiza había de ter unha influencia decisiva no futuro rexionalismo e no nacionalismo do século XX. É máis, malia que a maioría dos militares fusilados non eran galegos, os “Mártires de Carral”, como axiña serían coñecidos, converteríanse nun lugar de memoria para o galeguismo. Tan só dez anos despois dos acontecementos que acabamos de describir, os estudantes e os obreiros composteláns xuntáronse nunha comida para conmemorar os acontecementos de 1846. Foi o “Banquete de Conxo” un acto de afirmación democrática que demostrou que a semente plantada por aqueles primeiros provincialistas seguía viva. A importancia da xeración provincialista está no feito de que foron os primeiros, actuaron como os pioneiros que ensinaron o camiño aos que habían de vir. Quizais foi Manuel Murguía quen mellor os denominou, anos despois, ao falar dos Precursores.

E se importante foi a xeración provincialista, non menos importante foi a monografía que a estudou en 1977 e que, en gran parte, aínda continúa vixente. Celebramos, pois, o corenta aniversario do libro de Xosé Ramón Barreiro Fernández, desexándolle novos lectores e lectoras que, seguro, han atopar un documentado estudo sobre o levantamento galego de 1846.

El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo
Xosé Ramón Barreiro Fernández
Pico Sacro, Santiago de Compostela, 1977, 250 páxinas

Recensión publicada na revista Murguía, Revista Galega de Historia, núms. 35-36, xaneiro-decembro de 2017, p. 165-168. (ver)